Organizada por estudantes de doutoramento, a segunda edición doELC International Postgraduate Conference on English Linguistics reunirá mañá venres e o sábado en Vigo a expertos de talla internacional con posgraduados desta materia para compartir experiencias e intercambiar achegas sobre as investigacións que se presenten. Esta iniciativa pon de manifesto a iniciativa e o emprendemento destes universitarios que organizaron un simposio internacional que contará coa presenza dalgún dos máis importantes especialistas en lingüística inglesa e estudantes de doutoramento de tres continentes.
Os irmáns David e Beatriz Tizón son membros do comité organizador e están embarcados nesta singradura dende que botou a andar no ano 2006 cun formato de seminarios. Segundo explican, “o ELC, English Linguistics Circle, xurdiu como un proxecto común de estudantes de doutoramento en lingüística inglesa das universidades de Vigo e Santiago de Compostela, co obxectivo de traballar conxuntamente e expor as nosas investigacións, facendo unha posta en común e achegando ideas”. Xunto con eles, colaboraban profesores de ambas institucións e das reunións mensuais que realizaban xurdiu a idea de organizar un evento máis estruturado, o primeiro ELC en Santiago de Compostela o pasado ano. “A experiencia foi tan positiva, os conferenciantes convidados foron tan colaboradores e a participación tan activa que non dubidamos en embarcarnos na organización da segunda edición en Vigo”, explica David.
Asistentes de tres continentes
A idea deste congreso é reunir no mesmo espazo novos investigadores co inglés como obxecto do seu traballo para que fagan unha posta en común, colaboren e compartan ideas entre eles pero tamén cos conferenciantes plenarios. Segundo apunta Beatriz Tizón, “o que queremos é crear retroalimentación, un intercambio, xa que os estudantes collen ideas dos relatorios pero tamén reciben achegas e críticas destes convidados”, que van asistir a todas as presentacións dos mozos investigadores.
En total serán arredor de setenta asistentes, entre profesores e estudantes, procedentes estes últimos de países como Hong Kong, Reino Unido, Alemaña, Suecia, Estados Unidos, Polonia, Corea do Sur, República Checa ou Francia.