O 4 de novembro de 2024 celebrouse a conferencia “From the Elegies to Middle-Earth and Back: Reimagining the Middle Ages through a Fantastic Lens” a cargo da Dra. Adriana Taboada González, profesora da Universitat de les Illes Balears e ata o curso pasado compañeira do noso Departamento. A profesora Taboada, experta na obra de J.R.R. Tolkien, repasou a traxectoria persoal, académica e creativa deste autor, explicando a súa produción narrativa como o resultado da confluencia dos seus intereses literarios e culturais desde unha idade moi temperá. A Terra Media que Tolkien crea nas súas celebradas novelas foi determinante na conceptualización e popularización da Idade Media na cultura contemporánea e segue a exercer unha considerable influencia na actualidade, en ámbitos tan diversos como a literatura, o cinema ou os vídeoxogos. Taboada analizou tamén a enorme contribución a esta popularización da Idade Media das ilustracións ou, como ela prefire denominalas, as traducións visuais da obra de Tolkien realizadas por Alan Lee, o máis recoñecido dos seus ilustradores.
A Idade Media a través de J.R.R. Tolkien e Alan Lee
