Proxección do vídeo-ensaio “Stray Visuality” e charla-coloquio coa autora Katarzyna Paszkiewicz (Universitat de les Illes Balears). Katarzyna Paszkiewicz presentará o seu vídeo-ensaio “Stray Visuality”, un traballo que se pregunta sobre o potencial do cine para desestabilizar as dicotomías fundacionais do Antropoceno e cultivar o que a autora denomina “visualidades des-antropocéntricas”. Este formato, como se mostrará, permite non só analizar a representación da violencia inflixida sobre os distintos seres do planeta, senón tamén articular e circular novas imaxes que poden ter un papel crucial na creación dunha sociedade máis sostible. Ademais, porase de relevo que a violencia antropocéntrica non pode separarse doutras formas de opresión (xénero, clase, racialización, entre outras). Así, este vídeo-ensaio mostra como o cine pode ser un vehículo para desnaturalizar a perspectiva antropocéntrica e cultivar novas formas de percibir a fraxilidade da supervivencia humana e mais que humana. A presentación irá acompañada dun coloquio coa autora, no que tamén se abordará a teoría e a práctica da vídeo-investigación. Data: 30 de setembro 2024. Hora: 10.00-11.30. Lugar: Salón de Graos (B3) da Facultade de Filoloxía e Tradución. Entrada de balde; non é necesaria inscrición. Aberta a toda a comunidade universitaria e público interesado en xeral.
Stray Visuality
