16 investigadoras e investigadores de todos os ámbitos do coñecemento beneficiaranse este ano do Programa de retención de talento investigador da Universidade de Vigo. Co obxectivo de facilitar a continuidade da actividade desenvolvida polo persoal investigador incorporado a través dos programas de doutoras e doutores Ramón y Cajal, Marie Curie, Juan de la Cierva e programas de axudas posdoutorais da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo puxo en marcha hai anos este e outros programas orientados á captación e consolidación do persoal investigador que desenvolve a súa actividade na institución académica. As e os investigadores Juan Antonio Añel, María Aranguren, Alejandro Cabrera, Inmaculada de la Calle, Francisco Javier Deive, Adolfo Fernández, Iria Fernández, Susana Magadán, Sandra Martínez, Ana Querejeta, Antonio Riveiro, Rogelio Santiago, José Andrés Santiago, Rosana Simón, David Tizón e María Doleres Torres son as e os beneficiarios do programa de retención de talento que permite formalizar contratos de tres anos de duración, como persoal laboral temporal a tempo completo, na modalidade de investigador distinguido.
“Ser beneficiaria deste programa supón un gran impulso para a miña carreira e unha motivación para seguir dedicándome á investigación”, explica a bioquímica Rosana Simón Vázquez, que sinala que a gran problemática que sofren as e os investigadores en España é a dificultade para desenvolver as súas carreiras e acadar unha praza como investigador titular ou profesor de universidade a unha idade temperá. A investigadora do Grupo de Inmunoloxía, que traballa na actualidade no desenvolvemento de vacinas e terapias baseadas no uso de nanosistemas para a liberación controlada de antíxenos ou fármacos, considera este tipo de políticas “moi positivas, pero deben ter cunha verdadeira proxección de futuro, xa que se non é así acabarán sendo unha axuda máis á contratación temporal de investigadores”.