Unha charla sobre alucinacións auditivas e esquizofrenia abre no campus de Vigo un congreso internacional sobre Lingua e Cerebro

Congreso do Laboratorio de Linguaxe e Cognición

Unha charla do neurocientífico galego Héctor Caruncho, catedrático da Universidade de Victoria (Canadá) sobre alucinacións auditivas, pensamento, linguaxe e comunicación na esquizofrenia abriu este xoves no campus o I Workshop on Language and the Brain, WoLB 2019, o primeiro encontro internacional organizado polo recentemente inaugurado Laboratorio de Linguaxe e Cognición da Universidade de Vigo, un centro que abre así unha andaina de internacionalización que, agardan, marque o seu futuro. A cita prolongarase no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución ao longo de dúas xornadas, dous intensos días nos que, da man dalgún dos principais expertos e expertas nestas materiais, se presentarán os últimos avances en eidos como a neurociencia, a adquisición de linguas, a relación entre música e lingua no cerebro ou psicolingüística, entre outros.

“Con este encontro queremos, por unha banda, dar a coñecer o laboratorio e, pola outra, comezar a trazar a nosa propia axenda investigadora”, explicou na inauguración do encontro Rosalía Rodríguez Vázquez, membro do comité organizador do congreso xunto cos tamén docentes Miguel Cuevas, Javier Pérez Guerra e David Tizón. Xunto a eles, a inauguración da xuntanza contou tamén coa participación da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Mª Isabel Doval, e do decano do centro, Luis Alonso Bacigalupe, que se amosou “tremendamente orgulloso” desta iniciativa e que loou o laboratorio como “un exemplo extraordinario de interdisciplinariedade e de unión entre o mundo das humanidades, a ciencia e a tecnoloxía”.

Ler a nova completa no DUVI